Gastromanía Casa de Xantares

Gardo na miña memoria diversos recordos, que dende a visión irreal ou inocente de cando era cativo, quédaronse en mito co paso do tempo vendo a realidade.

Pensaba  durante aqueles anos de cativo, que Palmeira estaba tan afastado de Asados que a viaxe requiría tal protocolo e organización que só cumpría facela unha vez ó ano. Máis xustificado quedou cando despois da viaxe transatlántica familiar, os meus ollos viron tal paradisíaca estampa dun sol de primavera, reflexado nun extenso mar de gamas azuladas e verdosas do cal emerxían grandes penedos, e eu, que tan só vira imaxes similares en postais ou televisión, xustificábaseme a distancia. Pois de cativo o que pola televisión ollabas, quedaba  moi lonxe; bendita inocencia.

Posteriormente e xa con barba cerrada na cara, daba comezo os meus estudios de Hostelería. Daquela comezaba a ferver con moita intensidade o novo movemento culinario na nosa comunidade, mas aínda así quedabame moi lonxe pensar na posibilidade de que un negocio apostase por este novo movemento culinario na comarca da Barbanza.

Pasados os anos e con mirada adulta, podo dicir que Palmeira non está tan lonxe e que diferentes modelos máis contemporáneos de Restauración foron asentándose na Barbanza. Ambolos dous datos expostos, acabaron confluindo nun pequeno restaurante chamado Gastromanía Casa de Xantares.

Foi alá polo 2011 cando Nacho Rodríguez comezou o seu proxecto persoal con Gastromanía. Nominado a cociñeiro do ano no Forum 2015, a supoñer por un bo facer gastronómico neses catro anos, con un tipo de cociña actualizada e diferente ó que comunmente se atopa na Barbanza.

Coméntanos el que da idea primaria coa que comezou, pouco a pouco foi mudándoa e acoplándoa ás peticións ou suxerencias dos clientes, eso si, sen perder a esencia do respecto polo produto. Con especial predilección polo peixe e marisco,  cousa totalmente normal, xa que goza nesta zona de unha das mellores despensas naturais mariñas como é a Ria de Arousa; estes van pasando polas súas mans en función da súa tempada óptima de consumo, colocándoos na mesa tanto en elaboracións tradicionais como outras un tanto máis renovadas ou innovadoras.

Pequena carta con seis, sete entrantes, un par de peixes fixos e un par de carnes. Esta completase con máis pratos fora de carta que vai modificando segundo o que lle dá o mercado ou a praza no día a día, apostando fortemente polos peixes e mariscos.

Neste caso  eliximos o Menú Degustación (40€) chamado  “Ti come e cala”, que consiste en  2 aperitivos, 4 entrantes, peixe, carne, postre, pan e auga.

Aperitivo

Caldo especiado de polo. Cálido, especiado e lixeiramente picante

Do cálido caldo pasamos a unha fresca Ensaladilla con Langostino encurtido. A cremosidade da maionesa que envolvia a pataca combinaba perfectamente en textura ca tersura do langostino encurtido, o cal lle aportaba a dose de acidez necesaria ó conxunto do prato. Prato redondo.

Entrantes.

Mexillón Escabechado con mazá. O ouro laranxa das nosas rias, dun tamaño considerable. Xogo de sabores ácidos, doces e iodados, ben resolto e equilibrado.

Yellow fish con aliño de zorza. Peixe cru para quen lle guste e, persoalmente a min axítame cando está bo. O aliño da zorza fai que atopes un sabor máis popular na boca, así o comensal que non é tan devoto deste tipo de pratos fai que o seu padal os acepte máis comodamente.

Navalla á brasa. Bo produto, bo tamaño e bo punto de cocción.

Empanadilla ó vapor de Boi. Boi con cornos, non con pinzas. Por fin  un deses platos que vas levar na memoria sensorial. Sabores intensos e profundos, tanto na carne como na salsa. Dás boa conta da salsa co miolo do pan. Luxuria pura.

Peixe

Rape empanado. Pois iso, un anaco de rape empanado e frito, con un punto correcto de cocción e na compaña dunha especie de patacas enceboladas. Frouxo no seu conxunto, sen un fío condutor.

Carne

Carrilleira afumada con iogur e laranxa. Conceptualmente todo o contrario do prato anterior. Carne de tenreira que se desfía no prato e se funde na boca. Esa potencia aportada polo afumado e a abundancia de coláxeno encaixa perfectamente coa frescura que lle aporta a laranxa e o iogur.

Postre

Torrixa caramelizada con xeado de vainilla. Un clásico dos últimos tempos en todo restaurante que se precie. Ecuación ben resolta con todos os factores ben encamiñados, o brioche esponsoxo fibroso e ca súa correcta dose de mollado; o seu baño non resulta pesado; o caramelizado fino e no seu punto e o acompañamento de xeado correcto pero sen alardes. Dicir que non peca en excesos de azucre, cousa bastante común neste postre doutras veces que o teño probado en outros lugares.

Unha valoración xeral positiva en canto a elaboracións, calidade e puntos de cocción. Con algúns detalles a mellorar.

Toda esta rista de pratos fomos acompañandoos con un viño branco Godello pertencente a D.O Monterrei Finca os Cobatos, viño bastante correcto de unha intensidade media e un primeiro golpe aromático moi frutal, acidez regulada ,e tamén con Auga de KM 0.

Cafés e licores de cortesía, da marca  Habelas Hailas, puxeron o punto final da nosa visita en Gastromanía Casa de Xantares.

No tocante a accesibilidade vamos darlle unha valoración moi positiva.

Aínda que non ten aparcamento propio, na rúa donde está situado existen varias prazas de aparcamento entre as cales se atopa unha reservada para persoas con Mobilidade Reducida. A beirarrúa que nos vai facer chegar alí é bastante practicable.

O acceso ó local está acondicionado con unha rampla de acceso moi descansada e cómoda. So poñer unha indicación, que na liña de unión ou encontro entre a rúa e a rampla  existe un pequeno salto de uns centímetros. Fácil de superar en cadeira motorizada, aínda que si vas en unha manual, con unha axudiña pequena superas comodamente esa pequena barreira.

Xa dentro, todo corre a un mesmo nivel, sen ramplas nin zócalos nin nada polo xeito. O espazo entre mesas é bastante amplo polo que o desprazamento é cómodo, sen limitacións. Mesas totalmente accesibles en altura e sen problema cas patas, xa que a peana central que teñen non che obstaculizan a entrada coa cadeira baixo a mesa.

Posúe un baño adaptado que se ubica na mesma estancia que o baño de mulleres. Con barra lateral para axudar o desprazamento e lavamáns accesible.

Sumando características,o nivel de accesibilidade é moi alto do mesmo xeito que se come fabulosamente, de xeito que lle otorgamos a cualificación de GASTROACCESIBLE.

Gastromania Casa de Xantares

Rúa Norte 22, 15958 Palmeira – A Coruña

Teléfono: 687 746 302

Cociña: Para todos os públicos.

Ambiente: Relaxado, parellas, negocios e familias.

Nivel de accesibilidade: Moi alto.