As medidas accesibles na Hostalería.

Tras o parón de Nadal e logo de superar en Xaneiro a costa máis famosa da orografía galaico-hispánica, inauguramos 2018 cun novo texto.

Polo seu contido, principalmente vai dirixido a empresarios de Restauración e Hostalería, que queiran ter coñecemento de como conseguir un negocio totalmente adaptado e acondicionado  para persoas con mobilidade reducida, dando a mellor comodidade posible para esta parte “rodante” da sociedade. Aínda que todo aquel que o lea, sexa empresario, parroquiano cotiá de rueiro ou cidadán de grande urbe, pode chegar a acadar unha maior concienciación ou sensibilización neste eido accesible, xa que vai entrar en contacto con feitos, factores, ideas ou medidas que soen facerse invisibles os seus ollos, mais condicionan a independencia deste colectivo de persoas discapacitadas.

Nos artigos escritos sobre os locais de restauración que fomos visitando con Comedere, para falar do entorno accesible que nos ofrecían estes establecementos, marcouse unha metodoloxía descritiva na cal se fai fincapé nos puntos máis relevantes que conlevaría a ter un desfrute en plenitude das instalacións do local. Este desfrute conseguirase gracias a un mínimo acondicionamento que poida permitir a accesibilidade:

  • acceso ó interior do local
  • superficie de transito dentro do local
  • accesibilidade e adaptación de aseos
  • medidas das mesas, que permitan o uso delas a persoas usuarias de cadeira de rodas en plena comodidade.

Claro está que si a entrada o local é ausente de medidas de acceso, o resto de cualidades accesibles relevantes para un usuario en cadeira de rodas perden importancia. Deste xeito agrupamos as diferentes formas de acceso segundo as súas características principalmente en : acceso a “Cota 0”, rampla de acceso e medios mecánicos.

Acceso a “Cota 0”:  “liso y llano…”, “hasta la cocina” Sería a entrada ideal para todo usuario de cadeira de rodas, ou mamis e papis co seu “baby-bugaboocar”. Tecnicamente referímonos a este termo cando a entrada se atopa ó mesmo nivel que a zona de tránsito da beirarrúa, sen zócalo. Incluso si existe un pequeno resalte de 1 ou 2 centímetros facilmente salvable por un mesmo incluiriámola neste termo.

 Rampla de Acceso: Falaremos dela cando a entrada ó local se produza a través do transito dunha rampla que salva o desnivel existente entre a liña de nivel do piso do local ca liña de nivel da zona de tránsito da beirarrúa ou vía pública. A oficialidade deste método de acceso axúntase cunha serie de medidas concretas que constaría de unha pendente máxima lonxitudinal do 10 % e, en situacións excepcionais, será do 12 % sempre que non supere con esa pendente un tramo horizontal de 1,50 metros. Ademáis debera ter un pavimento que permita un desprazamento cómodo e non sexa esvaradizo .

Pero non sempre é o caso, algúns locais tentan facer accesible o local mediante ramplas accesible ou pseudoaccesibles, en función da pendente ou lonxitude que esta teña, dando lugar a un amplo catálogo de modelos ramplisticos que atoparemos na xeografía “wild accesible”:

  • Rampla adaptada ou descansada: Pendente descansada non superior ó 30%. Que aínda non cumprindo ca normativa oficial tenta permitir o acceso ó establecemento do xeito máis práctico e servicial, aínda que posiblemente se poida precisar dun empurrón para superala.
  • Rampla practicable: Pendentes superiores o 30%, nas cales soe ser dificultoso por un mesmo acceder na cadeira baixo risco de reviravolta picharriba no ascenso ou bicar o chan no descenso.
  • Rampla imposible: Auténticos colosos con pendentes e perfiles imposibles, provocado por un curto percorrido de rampla para salvar o desnivel existente, provoca que sexa imposible o desprazamento por un mesmo salvo tracción as catro rodas e cabestrante.
  • Rampla portátil: Feita con materiais lixeiros que permiten poñer ou sacala sempre e cando faga falla para facilitar o acceso. Non fai falla ter estudos universitarios de enxenería para discurrir tal sorprendente invento.“Querer é poder”, as solucións existen e están ó alcance de quen as queira usar .

Sobra onde escoller, de máis a menos risco en función do atrevidos que sexamos, pero a lo menos en moitos destes casos dache a oportunidade de poder entrar. Outros son practicamente aberracións, con condea de pena de carcel irrevisable a quen deseñou, construeu ou aprobou tal fenómeno artístico.

Medios mecánicos: (Plataformas elevadoras, ascensores, plataformas salvaescaleiras). Métodos empregados cando non existe outra posibilidade. Soen evitarse porque supoñen un alto coste económico engadido, pero resolven o desprazamento para persoas con mobilidade reducida na comunicación vertical en plenitude de condicións de comodidade e accesibilidade.

Outra parte esencial son as condición de accesibilidade das mesas de uso para os clientes. Existen infinidade de modelos no mercado, os cales dependendo das súas medidas, deseño ou estructura tamén condiciona o acceso e estancia nelas a usuarios de cadeira de rodas.

¿Porque se producen estes casos? Ós propios ollos vese que as medidas do contorno que ocupa unha persoa sentada en cadeira de rodas, non son as mesmas que as de unha persoa sentada en cadeira convencional. Polo tanto, a adaptación na mesa nestes dous casos non é o mesmo.

Estes condicionantes van aparecendo en función do deseño da mesa, polo que principalmente expoñeremos tres puntos críticos.

A medida interna entre as patas. Soe estar asociado ás mesas que posuían catro patas na súa estructura, xa que si a medida existente entre o oco libre de dúas desas patas e inferior a do ancho da cadeira de rodas impídenos entrar totalmente baixo a mesa cas pernas, adoitando quedarche o taboleiro da mesa moi separado polo que che imposibilita unha estancia na mesa con un mínimo de comodidade. Recomendase unha medida mínima libre entre patas de 70 cm aproximadamente.

Altura libre dende o chan á parte inferior da estrutura da mesa. (Ben sexa taboleiro ou máis habitual, unha barra de reforzo para a estabilidade que posúen as diferentes estruturas das mesas). Pode impedir o acceso baixo a mesa se a altura superior das pernas (ou xeonllos) respecto chan é superior, dando lugar a unha estancia da mesa de grande incomodidade. Unha medida de 70 cm evitaría este problema.

A profundidade inferior. Este caso producese basicamente na mesa que a súa pata sexa unha peana central, que pode interferir na introducción total da cadeira baixo a mesa, quedándonos o tronco separado do taboleiro da mesa, impedindo unha cómoda estancia.

Unha vez que o acceso ó local se pode facer por calquera dos métodos descritos, e temos coñecemento dos hándicaps que nos pode aportar a elección dun modelo de mesa, tamén se debe saber e ter en conta que o tránsito no interior do local debe ser accesible, salvando posibles tarimas ou outros desniveis con ramplas.

E xa por último, e non menos importante, expoñemos neste poker de puntos imprescindibles para  a accesibilidade os baños ou aseos adaptados. Catro son os puntos básicos a cumprir:

  • Acceso ó habitáculo adaptado: Que o chan do baño sexa o mesmo que o chan do local. No caso de que non coincidan os niveis, deberan de ter habilitado o acceso mediante ramplas adaptadas ou practicables. A porta debe ter un mínimo de ancho de 80cm. E a súa apertura debera ser de corredoira ou cara ó exterior.
  • Espazo do habitáculo habilitado: Con unha porta de entrada ampla e a existencia de un espazo interior libre que che permita un ángulo de xiro suficiente na cadeira (oco libre de 1,50m. de diámetro).
  • Barras de axuda: Barras de apoio ou de axuda de desprazamento lateral na zona de inodoro.
  • Lavamáns accesible. Sen pedestal e sen mobiliario inferior, con unha altura libre de 85cm sobre o nivel do chan.

En resumidas contas, un empresario con un establecemento de Restauración e Hostalería que se queira considerar adaptado para persoas usuarias de cadeira de rodas, debera de cumprir a lo menos este mínimo de características. Todas elas son fundamentais para unha estancia cómoda e agradable para este sector rodante da poboación. O incumprimento de calquera delas, ten un condicionante negativo desfavorecendo a inclusión e independencia  do usuario de cadeira de rodas, ademais de condicionar estas situacións as persoas cas que fose a compartir a estancia ou visita nese local.