Accesibilidade Universal. ¿Utopía ou realidade?

Ocorreu o pasado 7 de Novembro baixo o lema #Accesibilidade xa. En todo o territorio nacional producíronse concentracións pacíficas e reivindicativas a prol da Accesibilidade Universal. Estas localizáronse en puntos urbanos ou edificacións de tránsito público, ben públicas ou privadas, onde persoas discapacitadas ou persoas con mobilidade reducida teñen o paso vetado pola inexistencia de medidas de accesibilidade que llo permitan.

Unha loita pola Accesibilidade Universal, que máis ben parece un proceso de ciencia ficción, apesares da existencia de unha normativa vixente dende o 2003.

Para entrar en materia e situar un pouco no mapa lexislativo a quen vaia ler estas liñas, vamos por en coñecemento unha serie de datos.

  • A Constitución española, no seu artigo 9.2, establece que os poderes públicos promoverán as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, removerán os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitarán a participación de toda a cidadanía na vida política, económica, cultural e social.
  • O artigo 4.2 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe aos poderes públicos de Galicia a promoción das condicións necesarias para que a liberdade e igualdade dos individuos e os grupos en que se integran sexan reais e efectivas.
  • A Convención das Nacións Unidas sobre os dereitos das persoas con discapacidade, de 13 de decembro de 2006, ratificada polo Estado español e publicada no BOE o 21 de abril de 2008, establece o compromiso de promover, protexer e asegurar o pleno goce dos dereitos humanos e liberdades fundamentais en condicións de igualdade por parte das persoas con discapacidade e de promover o respecto á súa dignidade inherente.

O primeiro contacto legal ca accesibilidade configurouse inicialmente a través da Lei 13/1982, de 7 de abril, de integración social das persoas con discapacidade (LISMI), que sentou as bases para a eliminación de barreiras arquitectónicas e da comunicación e a promoción da accesibilidade.

Na nosa comunidade o primeiro texto refundido e aprobado pola autoridade Autonómica consta na Lei 8/1997, de 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras. Actualmente derrogada pola aplicación da Lei 10/2014, de 3 de decembro, de accesibilidade.

Foi no 2003, cando aparece a primeira referencia a Accesibilidade Universal, a través da Lei 51/2003, de 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade (LINDOAU). Esta lei ten por obxecto establecer medidas para garantir e facer efectivo o dereito á igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade.

A partires desta lei, fóronse sucedendo unha serie de melloras lexislativas. Búscase completar e concretar máis as actuacións a levar a cabo no proceso evolutivo da ansiada Accesibilidade Universal única. Chegase así a promulgación do Real decreto lexislativo 1/2013, de 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

Por todo o exposto, a presente Lei de accesibilidade de Galicia ten como obxectivos “conseguir unha sociedade inclusiva e accesible que garanta a autonomía das persoas, evite a discriminación e favoreza a igualdade de oportunidades para toda a cidadanía, especialmente para as persoas que teñen discapacidades, (…); e facer realidade o concepto de accesibilidade e deseño para todos, nos procesos, proxectos, produtos e servizos, de modo que se facilite o uso universal, con plena seguridade, do medio físico, evitando gastos posteriores de eliminación de barreiras.”

(Información procedente de rexistros oficiais autonómicos e nacionais)

Despois de ler todos estes datos, queda claro que as leis existen. Creáronse órganos especializados para levar acabo unha mellor xestión de dita Lei; Consello Galego para a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras como órgano de participación e consulta ou a Comisión Técnica de Accesibilidade como órgano administrativo competente para a tramitación dos expedientes sancionadores derivados da presente Lei.

Polo tanto, ¿onde está o erro?

“A non accesibilidade das contornas, produtos e servizos constitúe, sen dúbida, unha forma sutil pero moi eficaz de discriminación (…) Converxen así as correntes de accesibilidade e de non discriminación”. E engádese: “É preciso sinalar (…) a definición de igualdade de oportunidades como o resultado de sumar a ausencia de discriminación coas medidas de acción positiva”. (Lei 51/2003, de 2 de decembro)

Vivimos no ano 2017, no considerado primeiro mundo, con unha sociedade avanzada e igualitaria, ou iso e o que nos din.

Fai 35 anos (Lei13/1982, de 7 de abril) da primeira toma de contacto ca inclusión das persoas discapacitadas na sociedade. Gracias “a deus” a mellora foi significativa pero non a escrita nesas ordes. Reformulacións e avances nas Leis aprobadas leváronse acabo todos estes anos ata chegar o día de hoxe, apiques de cumprirse o prazo da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social ( Real decreto lexislativo 1/2013, de 29 de novembro) que ten por obxectivo garantir o dereito á igualdade de oportunidades e de trato, así como o exercicio real e efectivo de dereitos por parte das persoas con discapacidade en igualdade de condicións respecto do resto de cidadáns e cidadás, a través da promoción da autonomía persoal, da accesibilidade universal, do acceso ao emprego, da inclusión na comunidade e a vida independente e da erradicación de toda forma de discriminación.

Opino dende o punto de vista de unha persoa que viviu sen a necesidade de dita Accesibilidade e agora fáiseme vital. Considero que é este un tema complexo, pero que a súa complexidade agravase en casos por descoñecemento dos parámetros de dita lei, pero maiormente por neglixencias da propia autoridade reguladora e executora de dita Lei por non querer facer correctamente os procesos de cumplimento dende un principio.

O final todas as reflexións nos van levar a o mesmo punto, si existe unha lei, ¿por que non se fai cumprir dende un principio?, ¿porque se permite cometer neglixencia aínda a dia de hoxe?.

Fai falla concienciación social, pero tamén eficacia real de normas e Leis no ámbito urbano, medios de transportes, medios de comunicación, e no sector de  bens e servizos; por parte da autoridade pertinente no eido da Accesibilidade Universal. E non so deixar esa eficacia, impresa nas páxinas das Leis e normativas, que deberamos consideralas como a primeira ferramenta para a busca desa ansiada, pero utópica Accesibilidade Universal.

Pregúntome:

– ¿Por que non se compren as leis no ámbito da accesibilidade?.

– ¿Por que os órganos creados non compren coa súa función de executar e sancionar?

Vivimos días de revoltas, convulsións, tumultos, represións e crises; tanto políticas, económicas como sociais. Todo este conxunto estanos arrastrando a un proceso involutivo na sociedade ca perda de dereitos, privilexios e en suma, calidade de vida. Si a maioría destas decisións, en alto número políticas, nos están encamiñando ó groso da sociedade cara ese sendeiro involutivo, que non farán con normas ou decisións que afecten a un baixo porcentaxe social como somos os discapacitados.

Obras públicas subvencionadas con fondos públicos, realizadas a partires desa data clave do ano 2003 que incumpren en alto grado a normativa vixente ou a existente daquela. Tamén en construcións de titularidade privada pero destinados a uso público, medios de comunicación e transporte, bens e servicios… non queda unha franxa na que concorra a nosa vida social sen nomear. Inclusive a día de hoxe se seguen incumprindo dita normativa.

Xa non quero falar de axudas económicas, porque serian outras mil palabras.

Indignante e incomprensible a incompetencia, ineficacia, falta de conciencia. ou a laxicidade interpretativa da normativa por parte da autoridade competente neste eido. A día de hoxe parece ser que a independencia dunha persoa so se ten en conta si esa palabra a identificas con Cataluña, (e aí tampouco se vai acadar ningunha das dúas).

Con este panorama, a función implicativa e aplicativa das palabras Accesibilidade Universal véxoas a anos luz do momento onde estamos, nalgunha estrela ou nalgún deses planetas esotéricos ananos descubertos ou por descubrir, e que seguramente tampouco sexan Accesibles.