Restaurante A Casa da Tia Elisa.

A mañá do Sábado espertou fresca. O “veroño” abandonounos. As sabas de amorosa franela voltaron os leitos dos fogares. Pola ventá ollas as cores do ceo e a cheminea fumegante do veciño. O día préstase xeitoso para camiñar. Ben polo monte na busca de cogomelos ou respirando a frescura salobre do mar. Decantámonos pola segunda. Tras o pertinente almorzo continental do Sábado para recargar baterías, armámonos cos abrigos que nos arroouparán ata as primeiras datas primaverais. Poñemos rumbo a parte de Riveira. Enfilamos a estrada serpenteante ó carón das augas mariñas entre Riveira e Aguiño. Ese será o noso destino hoxe. Aguiño. Terra brava, de xente brava. Ambos moldeados pola man do grande azul. Pasear polo seu porto, polo dique de abrigo, polas baradeiras onde os botes tradicionais de madeira descansan. Respirar de tradición e cultura mariñeira.

O noso paso persegue a franxa litoral acadando a Praia da Tasca. Internámonos nas pasarelas que levitan sobre as pequenas dunas naturais cubertas pola flora interdunar. Paseamos polo espigón baixo o mainiño rosmar das ondas dun mar en calma. Lévame o maxín a pousarme  onde estamos pisando agora mesmo,nun día bravo de tempestade manifestándose con total plenitude o todopoderoso embruxo dun mar embravecido. O fin do espigón póñeno as pedras centoleiras. Un conxunto de rochas que crean illotes naturais que se internan nestas augas limítrofes, actuando como marcos simbólicos que dividen a Ría de Arousa e a inmensidade do Atlántico. A tranquilidade e asosego invade o corpo mentres ollas alén das rochas, cara Sálvora, Vionta, Ons. Illas que emerxen destas augas fértiles. Agochan na súa profundidade unha biodiversidade de envexable calidade no universo gastronómico. Algas, peixes e mariscos son extraídos delas polas laboriosas mans mariñeiras para máis tarde engatusar os nosos padales.

Estando en pobo mariñeiro, ca existencia de tal despensa mariña fronte os nosos ollos, e tamén porque o reloxo metabólico do bandullo fixo soar a súa alarma, voltamos sobre os nosos pasos buscando unha mesa acolledora onde poder degustar algunha destas xoias mariñas.

Na fachada portuaria, detrás de un pequeno xardín acadamos unha casa con planta baixa construída ca tradicional manpostería de granito. Dentro das grosas paredes de pedra reside o Restaurante A Casa da Tía Elisa. Unha música ambente sosegada soa cando nos adentramos nos seus apousentos pola porta da cafetería. Estancia que dispón de unha barra, unhas mesas altas e un recollido curruncho fronte a cristaleira onde poder tomarlle un café, uns viños na hora do aperitivo ou un combinado nocturno. Acompañados polo persoal que nos recibe con amabilidade percorremos un corredor que nos leva ó comedor do Restaurante. Ábrese ó publico con luminosidade natural e tamén axudada de varios puntos de luz. Arroupado en unha coidada decoración onde madeira, cordas, tapizados e variopintos detalles engaiólante nunha atmósfera acolledora. O son ambente de melódicas notas de músicas instrumentais e baladas ensámblanse co lenzo paisaxístico, real e palpable, que se pode ollar a través das xanelas onde mar, litoral e porto reclaman protagonismo.

Ese mesmo protagonismo vai ser reclamado por peixes, mariscos e produtos de boa calidade nas elaboración da súa cociña.

Na particular escolla decantámonos por elaboracións da Pizarra de mercado. Ofrece unha serie de entrantes coma empanadas, croquetas, boqueróns…  Ademais unha variedade de mariscos da Ría e peixes.  Frescos peixes de Palangre coa posibilidade de escoller o seu método de elaboración. Ben a prancha, a galega ou “ no Tajine”. Sendo este último un método de cociñado tradicional dos países árabes do norte de África, e que neste caso os caracteriza e diferencia en comparación ós establecementos de Restauración da contorna.

A nosa elección para probar a cociña de A Casa da Tía Elisa comezou por unhas Croquetas de centola. De considerable tamaño, e moi boa elaboración. Compren as 5 leis básicas Comedere da “croqueta coqueta”. Rebozado fino, boa fritura, interior de bechamel cremoso, sabor e tropezón recoñecible.

Seguimos con Salpicón de Langostinos e Rape.  Prato fresco. Aliño equilibrado en aceite e vinagre. Quizais desequilibrado na proporción de verduras, langostinos e rape. Un tanto desmesurada a cantidade de pemento. Salvo esa nota, o sabor do prato no seu conxunto foi moi agradable.

Para rematar cos entrantes chegou o Pastel de Cabracho. Moi sabedeiro no gusto. Suavidade e esponxosidade na súa textura. Acompañado coa tradicional salsa rosa con un toque picante agradable. Mais cambiaríalle as tostas que o acompaña para untalos. Mellor que un pan industrial, facer unhas tostas con bo pan galego artesán. Non é alto traballo de enxenería e categoriza e complementa o prato máis dignamente.

De broche final un peixe do palangre elaborado no Tajine. Escollemos a Pescada. Acerto total. Unha ración “galega”, de fartura. Dúas rodaxas de Pescada que deixaban imaxinar o tremendo tamaño do exemplar. A textura, punto e sabor do peixe foi sobresaínte. Ben acompañada das verduras e patacas feitas entre os seus propios xugos e o da Pescada. Un prato que nos agradou con notoriedade. Ademais o protocolo do empratado a vista do cliente tamén viste e vende a actividade de este establecemento.

Compartimos postre. Un Cremoso de queixo, suave e equilibrado en azucre ademais de un Xeado caseiro de amorodo, con recoñecible sabor e unha textura máis próxima a un sorbete que a un xeado. Un remate que mantivo o bo nivel da comida e que culminamos con un cafeiño.

Resumo a súa cociña como unha cociña sinxela, de tempada onde o produto fresco de proximidade fala en primeira persoa no prato con nobreza, o igual que outros elementos como por exemplo aceites de primeira prensada, pimentóns artesanais…

Fala o produto en primeira persoa, e nos podemos falar en primeira persoa da experiencia en A Casa de Tía Elisa grazas ó seu aceptable nivel de Accesibilidade. Aínda que non existe unha praza de aparcamento reservada para Discapacitados, son numerosas as prazas de aparcamento que hai pola zona. O acceso ó interior farémolo através de unha porta que salva o desnivel ca beirarrúa mediante unha rampla. Vinte centímetros de lonxitude con unha inclinación un tanto alta pero salvable en cadeira motorizada ou con unha axudiña si o desprazamento se fai en unha manual. Dentro, o local corre todo a un mesmo nivel. O desprazamento entre as mesas e o resto do local faise sen condicionantes de mobilidade. Quizais as mesas poden presentar un pequeno inconvinte. Debido o seu modelo con pe central, impide entrar baixo da mesa ca cadeira, polo que é recomendable escoller unha mesa de 4 pax que permite esquivar parcialmente, pero funcional, este inconvinte. ¡Solucións!, non problemas. E por último, describir que os servicios interiormente son amplos pero carecen de barras de apoio. Engadir que o lavamáns non é libre na súa parte inferior. Faltas que condiciona unha accesibilidade total do establecemento.

Ter un produto fresco de primeirísima calidade, darlle bo trato nos fogóns con unha sinxela elaboración, fraguándose pratos gustosos que cando acadan a mesa  fan desfrutar ó cliente. E ademais, ca virtude de situarche ese produto que degustas na paisaxe que ollas a través da xanela. Esta pode ser a carta de presentación de A Casa da Tía Elisa. Pero para descubrila na súa totalidade vas ter que vivila nas túas peles, sexas camiñante ou rodante, porque tamén podemos outorgarlle o cualificativo de establecemento GASTROACCESIBLE. E iso, para moitos que se nos priva de poder entrar en moitos establecementos, tamén é unha virtude.

A Casa da Tía Elisa

Rúa Francisco Lorenzo Mariño, 120, 15965 Ribeira, A Coruña

Telefono☎:  981 84 18 42
Cociña👨‍🍳 : Sinxela, personal e de produto.
Ambiente🎊🎉: Relaxado e íntimo.
Nivel de Accesibilidade♿: Aceptable e funcional.