BENVIDOS A COMEDERE

Un blog no cal compartiremos experiencias ”Gastroaccesibles”
Falaremos de Gastronomía e Accesibilidade para persoas con Mobilidade Reducida.

Curiosa parexa temática diredes, pero na miña persoa rodan collidas da man.
Apaixoado da gastronomía dende fai anos e, despois de exercer entre fogóns como cociñeiro, unha lesión medular truncou ese camiño pero deixou intacta a paixón pola comida e a bebida. De aí xurde a “Gastroaccesibilidade”.

A comida sempre foi un propulsor de xuntanzas familiares ou con amigos. Unha boa excusa para reunirse, desconectar das rutinas, sentados en boa compaña, e por suposto con un bo prato e unha boa copa diante.

É de recibo pensar que, independentemente da túa capacidade de desprazamento deberíase poder acadar calquera mesa de restaurante, bar ou taberna para disfrutar deses bos momentos. Mais como o caso non é este, tentaremos rechear ese valeiro existente de un xeito informativo e divulgativo para o eido gastronómico, ademáis de orientar e concienciar a hosteleiros e restauradores para que tenten mellorar instalacións do seu negocio, conseguindo esa accesibilidade desexada para o total da sociedade.